Wednesday 26 de June de 2024

Paderne une viño, gastronomía e tradición na Feira GastroLexítimo, herdeira da Mostra do Branco Lexítimo


 Celebrarase en Esperela o sábado 29 de xuño e contará coa actuación de A Roda

 O evento social nace como un xeito de pór en valor a variedade do viño de Paderne xunto coa gastronomía autóctona

Viño, gastronomía e tradición unidos nunha xornada de confraternidade. É a idea da Feira GastroLexítimo, un evento impulsado polo Concello de Paderne que se celebrará en Esperela o sábado 29 de xuño. A feira, herdeira da Mostra do Branco Lexítimo que se deixou de celebrar a partires da pandemia, nace como un xeito de pór en valor a identidade do municipio a través da súa gastronomía e viño autóctonos.

A Feira GastroLexítimo contará cunha ampla programación durante todo o día e rematará coa actuación do grupo A Roda. O concerto da histórica agrupación música tradicional será o fin dunha festa que arrincará desde ben pronto. Ás 11:00 horas abrirán os stands situados en Esperela. Unha hora máis tarde, ás 12:00, está prevista a inauguración desta primeira edición da Feira GastroLexítimo cun pregoeiro ou pregoeira que será desvelado nos vindeiros días.

Á vez, de xeito complementario, arrincará unha andaina que ten previsto chegar case dúas horas e media despois para o inicio da comida, ás 14:30 horas. As persoas que se acheguen a Esperela poderán gozar non só do viño Branco Lexítimo cultivado na comarca, senón tamén de gastronomía tradicional e local, con especial mención aos Queixos Cagiao e aos produtos de agricultura ecolóxica de Seitura, dúas empresas locais que aportan valor engadido.

Xa pola tarde, ademais dos postos que permanecerán abertos, haberá unha cata e un obradoiro previos ao concerto de A Roda, prato forte dunha xornada que rematará sobre ás 23:00 horas.
“Será un día moi especial para toda a veciñanza de Paderne. Con esta posta en marcha da Feira GastroLexítimo pretendemos iniciar un evento que se asente no tempo e no que se porá en valor non só o viño Branco Lexítimo como ata o de agora, senón a marabillosa gastronomía autóctona que pode acompañar a esta variedade”, expón o alcalde, Sergio Platas.

Para Platas, “Paderne é un pequeno municipio, si. Pero ten moito do que sentirse orgulloso”. “Por iso celebramos esta festa á que esta convidada non só a nosa xente, senón a xente de toda a nosa comarca, da contorna da Coruña, da provincia e de todos os lugares. Paderne é moito e este evento, que colle a herdanza para Mostra do Branco Lexítimo para potencialo, axuda a demostralo”, finaliza o rexedor.